Por segundo ano consecutivo a Orquestra Sinfónica de Galicia participa dentro do Festival RESIS, este ano, a través da Camerata OSG, dirixida por Wladimir Rosinskij, e que este ano presentará un concerto que inclúe un total de 3 estreas en España e unha estrea absoluta.
A Camerata sumarase tamén ás homenaxes desta edición de Iannis Xenakis, coa obra Aroura (1971), para orquestra de cordas: un mar embravecido de arcos, pizzicatos, glisandos e fragmentos de melodías que estalan en fortissimos ou desaparecen cara ao silencio.
A primeira obra do programa, obra que dá nome ao noso concerto, é Natura Renovatur (1967) do compositor italiano Giacinto Scelsi. A música de Scelsi estivo moi marcada pola tradición budista, e preséntase como unha concentración do discurso musical ao redor dunha nota e inflexións moi pequenas do son. A súa música, con todo, está cargada dun romanticismo que o converte nun dos compositores máis fascinantes de todo o século XX.
A obra Elexía e Baile (2022) é unha peza para orquestra de cordas, piano e cello do compositor Wladimir Rosinskij. Alterna unha primeira parte tráxica e lenta e unha segunda cun carácter fantástico e infernal baseada no “Baile do Morcego”.
Nature Morte (1979-1980) é unha obra para conxunto de cordas do compositor alemán Wolfgang Rihm, que este ano cumpre 70 anos e que é unha figura imprescindible da historia da música dos últimos anos. A súa obra Nature Morte, oscila entre a influencia de Xenakis e o minimalismo. Está composta a partir de diversos módulos que se repiten, cada un vinculado a un tipo de material sonoro e que, aos poucos, vaise deformando crecendo en intensidade e volvéndose máis violento.