Desde A Coruña, a Asociación Cultural AÏS e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda sumamos esforzos para construír novas canles de divulgación coa fin de amosar o potencial creativo que acubilla a nosa cidade.
Así nace o ciclo Lenzos e Partituras, no que visitamos diferentes espazos culturais para contar dun modo diferente e online as exposicións que acollen. Tamén nos achegamos ao traballo que realizan os e as artistas locais abrindo a porta dos seus estudos. Cada peza de Lenzos e Partituras é un diálogo artístico único que aborda as confluencias entre a música e as artes visuais no século XXI.
Este ciclo comeza o 9 de decembro de 2020 na galería coruñesa Moret Art, cunha visita á exposición fotográfica Atlantic do artista Xurxo Gómez-Chao, acompañada de Florian Vlashi ao violín e Rediana Lukaçi ao violonchelo, que interpretan fragmentos de Sonate da Chiesa (Tomaso Albinioni, 1671-1750). A actriz Chus Álvarez pon o guión e a narración.
O público pode gozar así desde a súa casa de lugares para a escoita, coa difusión dos procesos creativos plásticos entre artistas e salas culturais da nosa cidade.
PODES VER LENZOS E PARTITURAS (I) NA NOSA CANLE DE YOUTUBE.
Recibe no teu correo as últimas novas sobre a próxima edición do Festival RESIS 2021 e sobre a programación continua da Asociación Cultural AÏS