Resis Festival

María Callas

SOBREVIVIR AO MITO/

Conferencia e concerto

Sábado, 2 de decembro 2023, 19:00h

Estudios Mans
A Coruña

 

 

O 2 de decembro cúmprense 100 anos do nacemento de “a Divina”, cualificativo co que se coñece a María Callas universalmente.

Callas sementou admiración alá onde actuou grazas a unha voz totalmente inusual, que mesmo hoxe en día non pon de acordo aos seus detractores e admiradores. O certo é que desde os seus inicios, nos primeiros anos 40, ata a súa retirada, en 1974, foi aclamada como a soprano máis importante tanto polo seu amplísimo rexistro como pola beleza do seu timbre e as calidades escénicas que despregou por todos os grandes teatros líricos do mundo, desde México a Xapón, ou desde Nova York a Atenas, converténdose así no que se podería considerar a primeira icona da cultura global.

Nesta charla, penetrarémonos nos seus personaxes máis emblemáticos, facendo un percorrido audiovisual pola súa traxectoria, deténdonos nos papeis que recuperou do esquecemento e que incorporou para sempre ao gran repertorio operístico, como ocorre coa Medea de Cherubini, ópera coa que se inaugurou a tempada da MET de Nova York o ano pasado e a tempada actual do Teatro Real de Madrid.

Trazaremos o perfil da artista que deu lugar ao mito, nunha sorte de diálogo coas grandes sopranos actuais que encarnan estes roles, sendo Coruña ese meeting point, ese punto de encontro simbólico entre a voz que deu orixe á mitomanía que todas as sopranos actuais, deben dalgunha maneira ou outra, afrontar.

Pero sería moi fragmentaria a mirada que se achegase ao universo de María Callas só coa palabra; por iso a conferencia ábrese con dúas arias que a soprano fixo especialmente súas, -Quando M’en vo´, da Bohème de Giacomo Puccini e Je marche sur tous… Obéissons quand leur voix, de Manon de Jules Massenet, a cargo da nova soprano Lucía Iglesias e Isabel Romero como pianista acompañante, e pecharase cunha das arias que Callas fixo indelebles no imaxinario do canto operístico, O mio babbino caro da ópera Gianni Schicchi de Puccini.

A soprano galega Lucía Iglesias será así a depositaria dese tesouro inmaterial que é o repertorio da Callas e que un acto como este quere contribuír a servir de nexo de unión coas novas xeracións de cantantes, chamadas tanto a preservar o patrimonio operístico universal como a expandilo entre o público de hoxe.

ROSA MARÍA FERNÁNDEZ

EQUIPO ARTÍSTICO

MUSICÓLOGA / ROSA MARÍA FERNANDEZ
SOPRANO / LUCÍA IGLESIAS
PIANO / ISABEL ROMERO TABEAYO
PROGRAMA

Quando m’en vO’
La bohème. G. Puccini

Je marche sur tous les chemins…Obéissons quand leur voix appele
Manon. J. Massenet

O mio babbino caro
Gianni Schicchi. G. Puccini