Resis Festival

NOTAS DE CONCERTO


Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980)

Pico Sacro (2009)

Comezamos esta cita desde o alto do Pico Sacro, un lugar que os habitantes de Galicia e os peregrinos do Camiño de Santiago coñecen ben. O propio Buide descríbeo: «Dende Santiago de Compostela pode dexergarse a montaña do Pico Sacro, localizada a un par de ducias de quilómetros da cidade. Un dos lugares galegos onde máis mitos e lendas conflúen, a súa silueta recórtase abrupta e impoñente sobre a donda paisaxe do val do río Ulla.»

E apraciblemente comeza esta peza, coa intrusión de elementos «disímiles en canto a textura, rítmica e melodía (malia que cunha común orixe modal)» que comezan a inquietarse no fondo. Esa gravitación faise máis densa e o fluír musical detense, dando unha sensación de masa sólida coroada. Arpexos etéreos emprenden un novo camiñar, aos tombos, dubidoso, que remata abruptamente.

Fryderyk Chopin (1810-1849)

Nocturno Op. 15 nº1 (1833)

Fryderyk ou Frederique Chopin ten pouco máis de 20 anos cando compón este trío de Nocturnos, adicados ao compositor e director Ferdinand Hiller. O primeiro, en Fa maior, é o cuarto que compón na súa corta vida, e segue a estrutura convencional ABA. Só que a parte B [con fuoco] contrasta de tal xeito con ese inicio pastoral e benhumorado –só apenas melancólico–, da parte A que se dirían letras de alfabetos diferentes.

Recuperamos a compostura tras esa masa de sombra que sen dúbida asombra, e en sombrizo Fa menor, e regresamos ao tema A, idéntico, pero xa en ton case confidencial, sotto voce. Como nun brote bipolar, a sección tormentosa desapareceu por completo, todo soa a idilio e o final padaléase coma unha delicia.

Ramón Otero Moreira

Estrea absoluta
Vento Lisgairo (2015 )
I. Serán
II. Noite
III. Rompente

Que é o lisgairo [ou lizgairo]? Na nosa lingua refírese a alguén de mente rápida, con enxeño, quen vai dun lado a outro á velocidade do vento.

Nesta obra, Otero Moreira suxírenos unha viaxe da liviandade á gravidade en tres movementos, dun lado a outro do rexistro, empezando cunha colección sinxela de notas que se vai superpoñendo, multiplicando, como unha matrioshka de ventos, brisas, ciclóns e ventos solares.

Ese Serán (tarde) comeza cun puntillismo case xeométrico que se vai esluíndo aos poucos. O compositor suxíreme unha metáfora visual: eses rodopíos de follas caídas e o capricho de unha delas suspendida de súpeto, como en ingravidez.

A Noite é pausada, de amplitude cósmica e pegadas diminutas como de animais e insectos nocturnos e, segundo o propio compositor, «observando unha árbore misteriosa á tenue luzada da lúa» até a sorpresa que pode ser «un paxaro que voa de súpeto cara ao ceo estrelado». Un nocturno na clave do enigma, con arpexos que xogan ao eco, a profundidades etéreas, paradoxais como o propio cosmos: profundo malia a aparencia diamantina.

Regresamos en Rompente a eses vectores dunha xeometría natural, vibrante, como fotóns atrapados na gravidade. Hai un momento que colapsa, como un buraco negro, e logo escintileos, raios crebados, a lixeireza punteando un cluster de tebra… Lembremos: o lisgairo é o que vai dun lado a outro, tan pronto áxil como tremendo: así o universo coñecido e a súa luz visible, da que somos parte.

Nesta espectacular peza, Ramón Otero atopa «reminiscencias do impresionismo de Debussy, do pensamento formal de Ligeti, das harmonías de Takemitsu e talvez dun espectralismo entendido de xeito libre… E moito de David del Puerto». Tanto dedos lisgairos como mentes lisgairas cómpren para atrapala e abranguela.

Ramón Otero é autor de Nós [sobre versos do SOS de Manuel Antonio e unha mariña de Lugrís], Etopeas [sobre a figura de Maruxa Mallo] e Hidrotopías, estreada neste mesmo Festival RESIS, na sala Nautilus do Aquarium de A Coruña.

Fryderyk Chopin (1810-1849)

Nocturno Op. 15 nº2 (1833)

Hai algo sempre interior e doméstico en Chopin, algo de porcelana, baldosa en xadrezado, sol ou crepúsculo a través de fiestras, fitas de raso. Con todo, a marabillosa melodía que desprega neste Nocturno nº 2 parece asomarse a un xardín con ás escamosas, lepidópteros, follas de salgueiro a abanearen na airexa; sensación que se acentúa na sección central, en tonalidade máis nostálxica, grazas ao uso peculiar e contido do ornato nun compositor –non esquezamos- aínda postadolescente.

«Nos seus Nocturnos hai un escintilar de estrelas distantes», dicía o crítico Louis Ehlert por unha banda, aínda que logo atopa este Nocturno máis elegante cós outros dous cos que comparte número, e até diríase que mundano: marídao con elementos tan pouco interestelares [que saibamos] coma o champaña e as trufas.

Está escrito na tonalidade de Fa sostido maior e considérase unha das obras máis fermosas entre a súa produción xuvenil.

Fryderyk Chopin (1810-1849)

Nocturno Op. 15 nº3 (1833)

«Deixemos que o adiviñen por si mesmos». Así decidiu, supostamente, o mozo Chopin ante os rumores de que este Nocturno se compuxera baixo o influxo shakesperiano, tras asistir a unha representación de Hamlet, e tras riscar o epígrafe «No cemiterio». Non sabemos se se trata ou non dunha «magufada» ou lenda ao redor desta partitura algo inusual, xa que non parece haber evidencias da anécdota.

O certo é que a súa atmosfera é máis irreal [ou «surreal», ou «mística», caéronlle todos estes adxectivos] e en certas partes máis incómoda que os seus irmáns nocturnos de opus 15, sobre todo a parte anterior ao coral [coa notación interpretativa religioso], que ocupa a segunda parte desta peza, a parte B. A sección incómoda parece facer estalar punxentes preguntas sen resposta. Todo nesta peza en Sol menor resoa con carácter insondable, coma se debruzase nun abismo. A súa estrutura é binaria, e termina nunha terceira de picardía que non reexpón a parte A. Tamén choca o acompañamento da man esquerda, sen arpexos. Hai un certo ascetismo carente de ornamento, máis aló dalgunha que outra modulación cromática.

Pouco chopineiro? Talvez. Pero por ese coral perdoámosllo todo.

David del Puerto Jimeno ( Madrid, 1964)

Cuaderno para los niños (2006)
Duración: 20′
1. Rayo de sol en la ventana
2. Viaje con escalas
3. Mañana de invierno con patos salvajes
4. Aria y double
5. Welcome
6. Humores
7. Playtime for two
8. Tanz mit Carolin
9. ¡A dormir!

A delicadeza dunha raiola na fiestra. De pouco máis se serve a fantasía. David del Puerto ofrécenos a súa escritura exquisita, o seu don para a melodía, o xogo de ritmo e timbre, e o clic do inesperado ao longo de 9 estampas onde intercala o lirismo e as escalas intrépidas alén da atmosfera [Viaje con escalas], ese voo verde e gris de patos salvaxes [que en Oriente simbolizan o amor da familia], o misterioso [Welcome], o colorido [en Humores], o desconcertante do xogo de perseguirse [en Playtime for two], o baile sincopado e infatigable [Tanz mit Carolin] e un A durmir! que enlaza coa languidez soñadora da raiola na fiestra, que agora podería ser de luar.

Para cada estampa hai un neno a quen vai dedicada «os fillos dos meus amigos, a miña sobriña, naturalmente o meu propio fillo», en palabras do compositor. É un caderno sobre nenos ou para nenos [estudantes novos, máis ben]? ou se cadra ambas as dúas cousas. A linguaxe cristalina e audaz de David del Puerto [Premio Nacional de Música en 2005] ábrenos a porta da habitación de xogos, cunha inventiva colorista, pura textura e calidoscopio.

César Viana

Return of the Heracleidae (2013)
I. Dorian March
II. Threnos
III. Katienai

A contundente linguaxe do compositor e intérprete de shakuhachi [frauta nipoa] César Viana adoita levarnos de viaxe no espazotempo. Ἐπιστροφὴ τῶν Ἡρακλειδῶν [Epistrophe ton Erakleidon, Retorno dos Heraclidas] é a lenda grega sobre a invasión ou migración doria levada a cabo polos supostos descendentes de Hércules, os Heraclidas, que conquistaron o Peloponeso. O ollo de Eurípides viu filón aí para unha traxedia e dramatizou a historia.

Viana comeza cunha impoñente masa sonora, a Marcha Doria ou dos Dorios: situémonos, estamos cara ao 1200 a. de C., nese reemprazo de cultura e dialectos da Grecia máis arcaica, micénica, polos que dominarán na Grecia clásica. O segundo movemento, con algo de gymnopédie de Satie, é un threnos, é dicir, un queixume, talvez polo sacrifizo de Macaria, filla de Heracles (ou Hércules, si, o mesmo do noso faro) para que venzan os atenienses. O lirismo desta pasaxe acaba no cluster sonoro do katienai, palabra grega que significa descenso, facendo referencia ao movemento dos dorios de Norte a Sur [por iso chamouse invasión, se ben podía ser unha migración]. Este movemento, Katienai, caracterízase polo horror vacui, o ostinato, sen deixar un só silencio polo que escaparse desa vaga cultural nova.

Reminiscencias dunha Grecia luminosa e potente, a punto de xerar toda a cultura occidental dos tres mil años seguintes.

Miguel Bustamante Guerrero (1948)

Interludios I, II, III e IV 
«Evocando a Ch. P. E. Bach»

O seu signo de identidade, dadas as súas orixes bolivianas e mexicanas (é neto da pianista mexicana María Parrondo), el mesmo revela que é «o picante»; será por iso que Miguel Bustamante nos salpementa variadas e breves especias en forma de 4 interludios. O primeiro, brevísimo e desacougante, data de 2010 e ponnos en bandexa a pesantez do acorde inicial e os seus harmónicos, sobre os que os dedos bulen como grans de pementa; termina esfollándose ata un final abrupto.

O segundo interludio, de 2015, está dedicado ao tamén pianista Ricardo Descalzo. Trufado de silencios crocantes coma grans de sal e melodías poliédricas e imposibles.

Dedicado a Nicolás, o seu neto, o terceiro interludio adózanos coa cantilena dun xogo infantil, ás veces polvillada de onomatopeas como cantos de cuco ou timbres, até desembocar nunha pasaxe máis discursiva e solemne antes de regresar a ese corricar infantil por corredores, escadas, árbores de xardín…

Carl Phillip Emmanuel Bach, fillo de Johann Sebastian, tamén compositor e mestre de clavicordio, é a figura evocada no 4º e derradeiro interludio. Frases luminosas e case impresionistas abren esta peza que finaliza nunha espiral cortada case dun tallo.

Será que ao noso oído satisfaille aquilo que desasosega, o irresolto, o que condimenta a súa curiosidade?

​Notas por: Estíbaliz Espinosa