Os catro músicos que compoñen o Cuarteto Matrice foron formados en institucións coma o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, o Centro Superior Katarina Gurska ou a Royal Academy of Music of London. Continúan a súa formación con Igor Sulyga, violista do célebre Kopelman Quartet. Foron seleccionados para o programa MusaE 2017 promovido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que levounos a actuar no Museo Sorolla (Madrid) onde máis tarde mantiveron un ciclo de concertos na seguinte tempada baixo o patrocinio de CNP Partners. Teñen realizado concertos en salas de Madrid coma El Club Matador, Palacio de las Alhajas, Palacio de Neptuno, Teatro Goya, Fundación Olivar de Castillejo, Fundación Carlos de Amberes, etc. e en outras cidades coma Barcelona, Sevilla e Bilbao. Presentáronse en festivais de música como Clásicos en Verano da Comunidade de Madrid 2020 e San Isidro 2018.
Iria do Castelo deseña a escenografía do concerto “Ombra di Suono”:
“Na miña aproximación ao proxecto trato de establecer un diálogo plástico entre o espazo proposto, con toda a carga e intensidade que posúe, e as pezas que se interpretarán de W. A. Mozart (Requiem Aeternam), Scianto Scelsi (Cuarteto para corda nº 3) e Voro García (Ombra di suono nella memoria).
A Igrexa das Capuchinas rinde culto á Virxe da Esperanza, figura arquetípica que nos leva ao antigo culto á feminidade e á fertilidade, xa que se trata dunha virxe en cinta que preside o retablo tras o altar. A nivel conceptual, e continuando coa miña narrativa recente, a figura central do montaxe será de novo un culto ao feminino ligado á súa tradicional relación coa fertilidade e por conseguinte coa natura e os seus ciclos. Trátase dun montaxe instalativo site specific que dialoga co espazo e coa liña narrativa propia dos espazos de culto relixioso, pero tamén coas texturas sonoras das obras que se interpretarán. Así, ten algo de sinistro, quizás algo de oscuridade que atravesa as pezas escollidas dos tres compositores. Interesoume especialmente a característica espectral da peza de Scelsi e os xogueteos ácidos e delicados nos timbres das cordas de Voro García, o que trasladado á miña linguaxe plástica se traduce nunha figura reiterada, arquetípica, do elemento feminino trasmutado e metamorfoseado na natureza. Convertindo así este espazo de rito, por medio dun montaxe escénico, nunha experiencia que nos leve a antigos cultos primitivos, mantendo así unha estética mística e barroca que posúe tanto o espazo coma os sons dalguhna das pezas do concerto.”