O Festival RESIS de Música Contemporánea inaugura a súa proposta de concertos espectaculares en espazos emblemáticos da nosa cidade con esta orixinal aposta: híbrida de poemas e música, nunha das igrexas máis peculiares e enxebres da Cidade Vella coruñesa.
Crese que a Igrexa de Santiago é a máis antiga da cidade; cando se alza a súa estrutura orixinal hai moi pouco que Galicia e Portugal veñen de se dividir entre dona Urraca e dona Teresa por mor de alianzas estratéxicas; nas cortes nobres salaian co novo xogo fin’amor –o amor cortés, base do amor romántico– de influxo provenzal; alguén comeza a escandir o Mio Cid mentres por aquí se troban as primeiras cantigas de amor, Paio Soares de Taveirós escribe iso de
No mundo non me sei parelha,
mentre me for’ como me vai,
ca ja moiro por vós – e ai!
mia senhor branca e vermelha
e o Arcebispo Xelmírez artella e argalla, en tanto que a fame negra arrasa e as fogazas de pan venéranse no campo coma tesouros. É pleno século XII.
O templo foi do gremio dos Alfaiates [xastres], de aí os seus gravados de tesouras e outros aveños na pedra de cantaría. No seu adro celebrábanse os plenos medievais do concello. Desolouse en incendios. Remodelouse no gótico. A súa fachada oriéntase cara á Santiago de Compostela [nela veredes a Santiago dacabalo]. E todos os que cantamos algunha vez alí sabemos dos prodixios da súa acústica.
Un espazo arquitectónico onde o tempo fica en suspenso, onde trazas e sombras dos últimos 800 anos terán que verse con texto e partitura do século XXI.
Algúns poemas e versos soltos do libro El tiempo menos solo (Pretextos, 2012) do poeta Abraham Gragera son o pé para que o compositor Hugo Gómez-Chao entreteza nove escenas: unha cantata case ópera, sen fío dramático, pero si de alta tensión lírica. Nelas, a palabra atomízase, desnobélase e volve a nos abrigar por medio dun ensemble de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta baixa, piano, percusión, coro e soprano solista. A escena queda ao coidado de Luz Arcas, coreógrafa e directora da compañía de danza contemporánea La Phármaco.
Unha viaxe alucinante ás partículas elementais do son, dende a palabra a tinta no poema até o corpo iluminado, pasando pola voz humana, a corda frotada ou percutida, o vento e a madeira.