Resis Festival

INSTALACIÓN SONORA
FARO HORIZONTAL/7
Juan Lesta + Marco Maril
do 28 de ABRIL ao 19 de maio
INAUGURACIÓN 28 de ABRIL — 20:00H
Fundación Luis Seoane
entrada libre ata completar aforo
EQUIPO ARTÍSTICO

AUTOR | JUAN LESTA
DESEÑO SONORO | MARCO MARIL

O artista visual Juan Lesta, dentro da súa investigación no diálogo entre a experimentación audiovisual e a música, propón esta instalación audiovisual de sete canles de audio e vídeo na que interveñen espacial e temporalmente sete intres distintos dun mesmo horizonte mariño galego, ao luscofusco.

Esta intervención no tempo e no espazo, que ten a súa estrea absoluta na RESIS, conxela temporalmente esos intres e modifica o espazo a través de formas xeométricas que distorsionan a estrutura lineal do horizonte mariño.

No deseño sonoro, a cargo do músico Marco Maril, cada un dos diferentes horizontes ven acompañado dun espazo sonoro que tamén resulta alterado cando aparecen as distorsións xeométricas. A nivel escultórico, esta peza pretende representar en conxunto a configuración dun faro, elemento culturalmente ligado ao horizonte mariño. Neste caso o faro, ademais de representar o lugar dende o que ver o horizonte, converterase nun xenerador do propio horizonte.

A imaxe ilustrativa é referencial e forma parte dun proceso creativo en evolución, que culminará o vindeiro día 28 na presentación da peza.

JUAN LESTA
Artista visual e director audiovisual, o seu traballo recente está centrado na paisaxe e o diálogo entre a experimentación audiovisual e a música, así como na intervención do espazo natural mediante instalacións inmersivas lumínicas (colectivo Tronante).

Como director de vídeos musicais traballou para músicos como Brian And Roger Eno, Dark Sienna (Deusche Gramophon, 2020) ou Carlos Ordoñez, Retortoiro (Ferror Records 2021).

Os seus traballos en diferentes formatos e soportes foron exhibidos en museos e centros culturais como Pompidou Metz (Metz, France) Heinz Nixdorf MuseumsForum (Paderborn, Deutschland), CGAC (Santiago de Compostela, Spain), CDAN Centro de arte y naturaleza (Huesca), ou ARTIUM (Victoria, Spain) entre outros.

Recentemente o seu traballo foi seleccionado nos festivais Experimental Superstars, Serbia 2022, con Retortoiro, Short Movie Club Film Festival “Nefiltravanae kino”, Bielorusia, 2022, FICBUEU Festival de cinema de Bueu con 1,34943x10e4 e no Istanbul International Experimental Film Festival 2021 con Retortoiro, e a súa traxectoria como membro do colectivo DSK foi obxecto dun foco en Intersección, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo, A Coruña.

MARCO MARIL
Músico, técnico de son e deseñador sonoro para todo tipo proxectos audiovisuais e multimedia. Como músico, leva máis de 20 anos publicando discos baixo distintos nomes (Marco Maril, Apenino, Dar Ful Ful…). Ademais, desde 2015 realiza música de Librería para todo tipo de medios audiovisuais e encargos personalizados para distintas marcas e institucións.

Como técnico de son e deseñador sonoro, ten traballado en multitude de proxectos, para cinema, videoarte e danza, xunto a artistas e realizadores como Fon Cortizo, Lucía Estévez, Juan Lesta, Xisela Franco, Roi Fernández, Berio Molina, Alex Cancelo, Carme Nogueira, Iria Váquez, Eva Díez, Sara Traba, Illa Bufarda…

En 2021 foi nomeado aos premios Mestre Mateo 2021, da «Academia Galega do Audiovisual», na categoría de mellor Son pola película «9 Fugas»