A partir da segunda metade do século XX, un novo universo sonoro comeza a expandirse. Os creadores atopan inusitados camiños sonoros, espaciais e conceptuais dacordo aos tempos: nacen novas tendencias estéticas. A música contemporánea propón desafíos únicos que intérprete e público deben abordar desde un renovado e moito máis amplo enfoque da técnica, da escoita e das sensacións.
Recoñecendo pois o decisivo papel que teñen os intérpretes no devir da música contemporánea, o Festival RESIS e a Orquesta Sinfónica de Galicia únense na creación actual coa posta en marcha do seu Proxecto 20/21, que inclúe o encargo e estrea de vinte obras doutros tantos compositores e compositoras galegas a cargo de once grupos de cámara do propio conxunto orquestral. O proxecto abarca prácticamente todas as tendencias, estéticas e xeracións da creación galega actual, coa referencia ineludible do compositor Rogelio Groba e de autores que desde Galicia son recoñecidos e premiados a nivel internacional.