Que música escoitaría o capitán Nemo no seu submarino? Era un tolo, un visionario? Sen dúbida, sería un enxeñeiro minucioso, alguén que escribiría cartas de coidada caligrafía.
Kalligraphie é un concerto único que escribe música baixo a auga. Un dos espazos máis fascinantes dos museos de ciencia coruñeses é esa sala circular, onde sen dúbida flota o espírito de Verne, rodeada dun tanque de auga con criaturas mariñas do Atlántico, entre elas algunhas quenllas e o seu emblemático tiburón touro que atende por Gastón: a sala Nautilus do Aquarium Finisterrae.
Convidámosvos a vos mergullar na nosa particular Nautilus. A Nautilus de RESIS. A ondularvos con son. As notas recenden a sal. Os violíns xemen de humidade. Catro millóns de litros de auga atlántica que baña os ósos de Xerión…rodéanvos. Que os rodaballos [Psetta maxima] esculquen de esguello as vosas reaccións, que o gran tiburón touro [Carcharias taurus] despregue os dentes como unha soprano arroutada, que o máxico corno de narval se vos crave no corazón. Que a música flote no voso interior, filamentos de sargazos, se disolva como a caligrafía dunha carta nun galeón afundido.
Non saquedes o periscopio [nin o móbil] ao mundo exterior de aí arriba. Ficade aquí, neste gabinete, co tímido peixe anxo [Squatina squatina] ao que lle presta Bach e mimetízase co fondo para chorar feliz; coas xardas irisadas que len haikus; entre douradas [Sparus aurata] dodecafónicas; nestas hidrotopías onde un trilo é onda, ondas do mar do Orzán. Onda nunha música para o que non está escrito.
E con quen máis? Con Florian Vlashi (Albania, 1963), por exemplo. El é fillo dun escritor e director de teatro albanés, e o mascarón de proa do recoñecidísimo Grupo Instrumental s. XX, grazas ao cal a música de cámara, experimental e de vangarda –sempre centrada nese século XX intenso e claroscuro [grandes guerras pero tamén profundísimas renovacións musicais]– leva máis de 20 anos escoitándose en Galicia, e non só.
Todos os seus integrantes son músicos que namorarían ao capitán Nemo e ás buguinas. Para este concerto, o cuarteto estará formado por Mihai Tanasescu, violín, Raymond Arteaga, viola, Rediana Lukaçi, violonchelo e Florian Vlashi no violín e a dirección.
Un luxo de tripulación para o gabinete Nautilus: ondas de son e marusía para eses 42 litros de auga que aproximadamente es, adulto sapiens.